martes, 9 de junio de 2009

O Colectivo ecoloxísta do Salnén Rexeita o Campo de Golf

En relación coas últimas propostas de iniciativa privada de realizar un campo de golf en Feáns (O Grove), o Colectivo Ecoloxista do Salnés quere manifestar a súa postura ao respecto:
O CES considera totalmente errado o emprazamento proposto para instalar un campo de golf: as faldas do monte Feáns, dentro dun espazo natural protexido con diversas figuras de protección:
➢ Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) pola Unión Europea.
➢ Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) pola UE.
➢ Humidal de Importancia Internacional polo Convenio Ramsar.
➢ Zona de Especial Protección dos Valores Naturais pola Consellería de Medio Ambiente.
Ademais, a Xunta de Galicia inclúe este espazo dentro dos eu Inventario de Humidais Protexidos, estando polo tanto tamén incluído no Inventario Español do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

A implantación do campo de golf nesta ubicación causaría diversos impactos:
- Perda de vexetación autóctona, causando afección a un medio tan valioso e singular como a duna rampante que sube en dirección á Siradella, con plantas de grande valor biolóxico debido á súa reducida área de distribución.
- Alteración da topografía dunar.
- Perda de hábitats de fauna autóctona protexida. A este respecto, cabe destacar que na zona proposta vive o sapo de esporóns (Pelobates cultripes), especie protexida e con distribución extremadamente reducida no territorio galego.
- Impacto paisaxístico, afectando a unha das mellores vistas naturais das Rías Baixas (dende a Siradella), visitado por milleiros de turistas cada ano e un dos mellores reclamos do municipio.
- Alteración severa do contorno por forte consumo de auga, e contaminación de aire, solo e augas por emprego de pesticidas.

Deste xeito, a instalación de dito campo incumpliría a lexislación vixente:
- Lei 42/07 do patrimonio natural e da biodiversidade, que recolle como infracción (art. 76.a) “la utilización de productos químicos (…) que alteren las condiciones de los ecosistemas con daño para los valores contenidos” e (art. 76.g) “la alteración de las condiciones de un espacio protegido, o de los productos propios de él mediante ocupación, roturación, corta, arranque u otras acciones”.
- O Decreto 127/08, que desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos de Galicia, prohíbe no seu artigo 8:
• (8.a) “a introdución de especies de flora e fauna non autóctonas”

• (8.b) “as actividades que directa ou indirectamente podan producir o desecamento ou a alteración hidrolóxica do humidal”
• (8.c) “as actividades, verteduras sólidas e líquidas de calquera natureza que afecten de forma negativa, directa ou indirectamente á calidade das augas superficiais ou subterráneas, que alimentan e manteñen o funcionamento do humidal”.
• (8.e) “a alteración topográfica da zona periférica de protección do humedal protexido”,
• (8.h) “a utilización de produtos praguicidas, funxicidas ou fitocidas que poidan afectar ao humidal…”
• (8.i) “as infraestruturas, en particular as viarias (…)”,
• (8.l) “calquera actividade deportiva ou recreativa non compatible coas funcións ou valores polos que se declarou espazo protexido”.

O CES lémbralle ao goberno municipal que a potencialidade turística do municipio está baseada na conservación do medio ambiente. Constatamos que a xente que visita O Grove valora enormemente a paisaxe natural da Lanzada.

Consideramos intolerable que se plantexe a posibilidade de empregar patrimonio natural común para montar un negocio privado para unha minoría, máxime cando na mesma provincia xa existe oferta de campos de golf sen que se constate un “despegue” económico nas súas áreas de influencia.

Confiamos no sentido común e o cumplimento da lei, en especial por parte da Consellería de Medio Ambiente, organismo responsable de velar pola conservación deste enclave.

Deste xeito, o CES cre que se debería denegar a instalación desta infraestrutura. De non ser así, a Consellería estaría a incumplir a súa propia lexislación e a de ámbito estatal, motivando as accións legais oportunas ante as organismos pertinentes (incluídos os da Unión Europea).


Fonte orixinal: CES

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Non se permiten insultos nin descalificacións aos usuarios deste blog, todas as opinions son respetables pero hai outros foros e páxinas onde facer debate.
ESTE BLOG É CONTRARIO AO CAMPO DE GOLF DA SIRADELLA.
Todos os comentarios serán revisados e eliminados se os administradores así o vexan necesario.