martes, 4 de agosto de 2009

A PRIMEIRA E ÚNICA FORZA POLÍTICA EN PRONUNCIARSE NEGATIVAMENTE SOBOR DO CAMPO DE GOLF....ESPEREMOS QUE O SENSO VAIA CHEGANDO A DONDE FAI FALLA.

O BNG ratifica a súa postura en contra do campo de golf na Siradella


martes, 04 de agosto de 2009

A agrupación local do BNG convocou esta mañá unha rolda de prensa para presentar un informe técnico elaborado pola súa formación polo que xustifican a súa postura ante a construción dun campo de golf na ladeira do monte Siradella. Afirman que non están interesados en “entrar no xogo como fan de xeito demagóxico outras forzas políticas”.


Na rolda de prensa interviron Rubén Otero, responsable local; Luís Chan, recentemente nomeado responsable de organización; Vitoria Canoura, concelleira e Carlos Álvarez, voceiro municipal. Todos eles fixeron unha exposición de motivos polos que o BNG se opón á realización deste proxecto.



Terxiversación

Álvarez Besada manifestou que este informe e esta exposición responden a unha necesidade xa que “houbo unha terxiversación interesada por parte da empresa promotora” en referencia ao documento asinado pola Corporación xa que “carecía de conclusións” e “queremos ter acceso a eses permisos e informes favorables que afirma ter, xa que ninguén os viu”. Vitoria Canoura afirmou que este proxecto “carece de dous documentos tan importantes como o estudio de viabilidade económica e a evaluación de impacto ambiental”.



Resumo do informe

As liñas principais son a lexislativa amais a medioambiental que, amais, deben ser interdependentes.

Cabe salientar dúas proteccións especiais da zona onde se pretende construír o campo de golf, a chamada Natura 2000, que é afectada por completo por este campo, e outra a carón que é a zona de especial protección de aves que, amais, comporta un dos húmidas protexidos mais importantes de Galiza.



A directiva 92/43/CEE, no seu artigo 6 e punto 2, é contundente dicindo que “os estados membros adoptarán as medidas necesarias para evitar, nas zonas especiais de conservación, o deterioro dos hábitats naturais e dos hábitats de especies, así como as alteracións que repercutan nas especies que motiven a designación das zonas…”. Engade esta directiva que as “autoridades nacionais competentes” só se poden declarar de acordo con plans ou proxectos, anque non teñan relación directa có entorno protexido, despois de asegurarse de que non causará prexuízo á integridade do lugar e despois de expoñelo ao público.

O organismo europeo vai mais aló dicindo que só se poden alegar consideracións de saúde humana ou seguridade pública cando haxa en xogo un hábitat natural ou unha especie prioritarios, como poden ser os endemismos locais.



Amais, a contorna está considerada Zona de Especial Conservación, o que só se lle aplica aos Lugares de Importancia Comunitaria, i é limítrofe ou abarca parte (xa que non se coñecen os lindes exactos do proxecto) da enseada de O Bao, afectada po-lo decreto autonómico 110/2004, que regula os humidais protexidos, e que prohibe explicitamente a introdución de flora e fauna non autóctona, actividades que produzan a alteración hidrolóxica do humidal, verteduras líquidas de calquera natureza que afecten de forma negativa a calidade das augas superficiais ou o uso de fitocidas (precisos para manter o céspede e que poderían rematar no humidal po-la vía das escorrentas).



A base de todas estas proteccións é o mantemento da biodiversidade, do patrimonio natural do que o istmo de O Grove é baluarte.

Os sistemas de praia-duna e dunas rampantes desta contorna acollen un gran número de endemismos florais ibéricos/galaicos, coma o carrasco bravo, ou a Centaurea polyacantha que, en Galiza, só existe na Lanzada.



Cingidos a onde se pretende o campo, área dominada por un hábitat de distintos tipos de dunas, debémoslle o ser un lugar de importancia comunitaria á Iberis procumbens e ao chamado paxariño amarelo, onde só se atopan na costa galega e algo na portuguesa. Tamén os salgueiros están protexidos.

A fauna mais sensíbel témola no sapo de esporóns (pelobates cultripes) coas xemas dos dedos duras para escaravellar e agocharse na area, cun hábitat que se reduce a uns poucos puntos na Galiza, amais o engonzo ibérico, unha lagartixa moi prezada que habita en Ons e O Grove. Outras especies protexidas son a lagartixa galega, a lagartixa dos penedos e, por suposto, o noso coñecido lagarto arnal .



Todo isto forma parte dun sistema ecolóxico que non se pode segregar sen perder o seu equilibrio.

Algúns dos movementos de terra que comporta a construción dun campo de golf pódese ver aínda na páxina www.chandofento.com, que agora é o coñecido campo de golf Monte Castrove, na Armenteira.



CONCLUSIÓNS MÁIS DESTACABLES.

Algunha das cuestións, que foron relatadas o longo deste estudo, van a ser destacadas a continuación, para chamar a atención sobre elas, a modo de conclusións.

Pídese un apoio público a un proxecto pouco concretado, con vagas referencias a creación de emprego ou riqueza que non se sustentan con datos obxectivos reflectidos nun estudio de viabilidade empresarial.



O impacto medio ambiental sobre unha zona protexida é claro, poñendo en perigo o equilibrio dun ecosistema, dunha flora e fauna que todos disfrutamos e que é o noso principal atractivo turístico e patrimonial.



O consumo de auga dunha instalación deste tipo é moi alto, e provocará novos requirimentos para o sistema hidrolóxico da zona, con consecuencias para os veciños do Grove tales como cortes e restricións na época estival, co conseguinte deterioro dos servizos de hostalería para os visitantes.



Os praguicidas, funguicidas, herbicidas e demais tratamento fitosanitarios que debe facerlle ao céspede teñen incidencia nas augas de regatos e pozos soterrados, así como unha posible incidencia nas augas de baño.



O cambio da paisaxe do istmo da Lanzada, que é a nosa tarxeta de presentación vai a ser radical e irreversible.



Así pois a valoración para este proxecto é, a noso modo de entender e sen máis datos reais e obxectivos, é negativa. Uns impactos tan fortes para o medio ambiente, os usos da auga, e o paisaxe non se compensan con beneficios económicos para unha empresa e hipotéticos postos de traballo e atracción de turismo para o pobo do Grove.


Fonte: todojroves.com

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Non se permiten insultos nin descalificacións aos usuarios deste blog, todas as opinions son respetables pero hai outros foros e páxinas onde facer debate.
ESTE BLOG É CONTRARIO AO CAMPO DE GOLF DA SIRADELLA.
Todos os comentarios serán revisados e eliminados se os administradores así o vexan necesario.